poemas mortos

A traizón


Unha conquista do meu mundo

Un escudo, unha espada de prata mollada

De bagoas e de peito espido vés armada.

Enfrontada a un desexo de caricias.

Esgotando todo intento dun encontro.

Finxindo maxia nun leito cheo de medo.

Tres rosas encarnadas

Ningunha espiña flebe ou inútil

Non existe unha palabra

Nen emoción que trema ó teu paso

Coleccionista de margaridas murchas

Peregrina entre o centeo de agosto.

Nunca esperas pola seitura.

Fouce e suor pan e choiva.

Perseguindo un ronsel de sal negro.

Preñada de bolboretas que alborean

Un anaco do meu soño mergullado

A túa beira

Sementando un carreiro de vía láctea.

Amantando un orfo de cadeiras.

Escoito gritos de pracer mentras soño

Con outros ollos que acollen

O escudo, unha espada de prata mollada

Achegome a unha beira

Para que durmas sen pesadelos

A traizón.



COLGADA

Apareceu pendurada dunha agulla

Sostida por dúas veas xa sen sangue

Soñaba deitada sobre a pedra

Unha viaxe polo mar violeta

sen naufraxios.

Buscou o mellor refuxio entre as rúas.

E ninguen se aventurou a recollela.

Chegou a min xa sen alento

Tan flebe de entusiasmo pola vida

Falou un último instante

Aquelas palabras dixeridas

E coma nun último intento suxeitoume

A mirada e a man que buscaba

Unha arteria sen callo na que introducir

De novo angustia outra loita pola vida

Desterrada da súa alma noutro tempo

Remotou o turno e eu seguía collida

Da súa man aterida

Presa das palabras dixeridas

Eu non quería morrer soa.